Detida unha parella de Ordes por tráfico de drogas

2 minutes read

A Garda Civil detivo a dous veciños da localidade de Ordes acusados dun delito de tráfico de drogas, nun operativo levado a cabo na localidade. Os feitos desenvolvéronse no marco da Operación Morris.

A investigación comeza no mes de xaneiro, tras localizar a unha muller de 31 anos nun local da localidade e incautarlle varias doses de cocaína e haxix preparadas para a súa venda. O local favorecía o trapicheo de drogas e unhas semanas máis tarde cesou na súa actividade. Continuando coa investigación localízase un piso no que residían os agora detidos, motivo polo que se reactiva a vixilancia sobre os mesmos, podendo constatar que volverían á actividade delituosa de tráfico de drogas, mesmo durante a vixencia do Estado de Alarma polo Covid-19, sendo un posible foco de contaxio ao detectar unha trasfega constante de consumidores que se desprazaban para adquirir as substancias.

Por estes feitos e ao sorprender ao home de 39 anos novamente incumprindo as restricións de mobilidade, procédese á súa detención, séndolle intervidos 51 gramos de cocaína en roca de gran pureza. Ao día seguinte e tras autorización do Xulgado de Instrución de Garda de Ordes procédese ao rexistro da vivenda onde se incautou unha arma simulada e diversas substancias estupefacientes, 58 gramos de haxix, 1 gramo de cocaína, 4,4 gramos de metanfetamina, 4,7 gramos de marihuana, 4 pastillas de alucinóxenos, 970 gramos de substancia para corte, 60 euros en billetes de diverso valor e unha báscula de precisión, así como útiles para envasado e distribución, motivo polo que se procede á detención da parella sentimental como suposta autora do mesmo delito de tráfico de drogas.

Con esta operación queda desmantelado o punto de venda de cocaína máis activo na actualidade na comarca. As dilixencias foron entregadas xunto cos detidos no Xulgado de Instrución nº 1 de Ordes, quen decretou o ingreso en prisión para o home detido.