Detida unha persoa polo apuñalamento dun porteiro dun local de hostalería de Carballo

Sobre as tres da madrugada deste sábado tivo lugar un altercado con varios implicados ás portas dun local de copas ubicado na rúa da Estrela de Carballo. Na trifulca participaron alo menos cinco persoas, catro súbditos estranxeiros así como o porteiro do local.

Segundo testemuñas presenciais estas catro persoas pretendían acceder ao establecemento, no cal ao parecer tiñan prohibida a entrada. Formouse unha liorta en primeira instancia que tras a intervención das forzas da orde foi disolta en poucos minutos. Sen máis todo volveu á normalidade, pero unha hora máis tarde un dos catro identificados como participantes na lea acudiu de novo ao lugar dos feitos e sen mediar palabra coitelo en man apuñalou ao porteiro do local, causándolle serias lesións, unha vez consumada a agresión deuse á fuga.

Unha enfermeira que se atopaba de paso coa axuda dun axente de policía prestáronlle os primeiros auxilios ao ferido, practicándolle un torniquete para que non se desangrara. Solicitada asistencia médica para o ferido, este foi evacuado en ambulancia en estado grave. A Garda Civil con apoio da Policía Local montou un amplo operativo de busca e captura do presunto agresor que, tras estar identificado, foi detido minutos máis tarde no seu domicilio de Carballo. Permanece custodiado en dependencias policiais á espera do seu paso a disposición xudicial.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha