A Garda Civil de Carballo detivo a unha muller como presunta autora dun delito de intrusismo profesional e contra a saúde pública. Os feitos ocorreron por mor da denuncia interposta no Cuartel da localidade pola titular dun establecemento farmacéutico de Carballo, comunicando que recibira aviso dunha compañeira de profesión da posible existencia dunha persoa que simulaba ser médico e que prescribía tratamentos mediante receitas da Seguridade Social. Tras proceder á revisión das receitas que recibira, localizou entre elas unha emitida pola suposta doutora.
A Garda Civil iniciou unha investigación en aras de constatar a veracidade dos feitos e a identificación do autor. Como froito do traballo de campo realizado pola compoñentes da área de Investigación da mencionada unidade e coa colaboración da Secretaría da Subdirección Xeral de Farmacia púidose pescudar que a receita era oficial e correspondían ao Servizo Galego de Saúde e que pertencía a un talonario que fora entregado por unha área sanitaria.
Pola súa banda o Colexio de Médicos informou a Garda Civil que a agora detida atopábase inhabilitada para exercer a profesión de médico por falsidade documental. A suposta doutora falsificara o certificado de finalización de estudos e pagos dos dereitos do título, ademais de exercer como médico nunha residencia da terceira idade en Lugo carecendo do Título de Licenciada en Medicina. Mentres non se detectaron as irregularidades existentes na tramitación da súa solicitude, obtivo un número de colexiado e un talonario de receitas. A pesar da notificación á interesada por parte do Colexio Oficial de Médicos da súa inhabilitación seguiu facéndose pasar por doutora e receitando medicamentos cando non tiña habilitación para iso.
Actualmente cónstanlle dilixencias abertas por estes feitos nos Xulgados da Coruña e Lugo. A Garda Civil procedeu á detención desta muller como suposta autora dun delito de intrusismo profesional e outro contra a saúde pública.