Detidas 47 persoas por manipulación e venda de medicamentos sen control sanitario

1 minutes read
  • Os medicamentos, que se camuflan como plantas naturais, poden provocar infartos de miocardio ou mesmo morte súbita

Efectivos da Axencia Tributaria, a Policía Nacional e a Garda Civil traballaron conxuntamente na primeira fase dunha importante operación contra o tráfico ilegal de medicamentos na que foron detidas 47 persoas, todas de nacionalidade española, excepto un súbdito portugués.

A operación levouse a cabo en Madrid, Alacante, Xirona, Barcelona, Tarragona, Valencia, Almería, Xaén, Granada, Sevilla, Málaga, León, Salamanca, Valladolid e Canarias. Impútanselles delitos contra a saúde pública, pertenza a organización criminal, estafa, contrabando e branqueo de capitais.

A investigación, que comezou fai máis dun ano por mor da colaboración cidadá mediante unha denuncia anónima, centrouse nas grandes cantidades de fármacos que importaba a organización criminal, sempre declarados falsamente como complementos alimentarios e plantas naturais para sortear os controis aduaneiros e comercializados posteriormente como vigorizantes 100% naturais. Sen embargo, tratábase de potentes fármacos como o Tadalafilo e o Sildenafilo, vasodilatadores destinados ao tratamento da disfunción eréctil.

A inxesta destes produtos sen a supervisión médica pode provocar infarto de miocardio, angina inestable, arritmia ventricular, palpitacións, taquicardias, accidente cerebro vascular e mesmo morte súbita.

De maneira global, esta primeira fase da operación saldouse con actuacións en 15 provincias, destacando 12 rexistros domiciliarios e 55 inspeccións en locais e naves, que levaron consigo a intervención de máis de 500.000 euros en efectivo, 39 contas correntes -dúas delas no estranxeiro-, sete vehículos de alta gama valorados en máis de 300.000 euros e dous armas de fogo.

Igualmente realizouse o bloqueo de 59 páxinas web dedicadas á venda deste tipo de produtos, quedando constatado polos investigadores que se forneceu deste tipo de produtos a todo o territorio nacional, así como a países como Portugal, Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia e Rusia.