Detido en Málaga o director de Pemex que apadriñou os acordos co Goberno de Feijóo

Emilio Lozoya, ex-director de Pemex, foi detido en Málaga tras levar meses prófugo da xustiza e contar cunha orde de captura internacional na súa contra, informou este mércores a Fiscalía Xeral da República (FGR).

Lozoya estaba prófugo e en paradoiro descoñecido despois de que a Fiscalía Xeral da República (FGR) de México o acusara de recibir subornos da firma brasileira Odebrecht e de participar na compravenda irregular dunha planta de fertilizantes. Ocupou o cargo de director xeral de Pemex cando a petroleira adquiriu o 51% das accións do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras e encargou ao mesmo a construción dun buque hotel, xemelgo ao que se fixo en Navantia Ferrol.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía Francisco Conde chegaron a reunirse e fotografarse en México en 2014 con Lozoya, que foi clave na compra do estaleiro Barreras por parte de Pemex, unha operación denunciada polo novo Goberno mexicano de López Obrador, que nunha rolda de prensa xunto aos novos xestores de Pemex puxo o foco naquel acordo coa Xunta e na participación da petroleira no estaleiro vigués, que foi denunciada ante a Fiscalía.

Censuraron a administración «moi deficiente e con moitos problemas» en Barreras logo de que a empresa azteca «nunca se involucrase no negocio», así como o encargo dos floteis, que «nunca se puideron ocupar» de todo e que non se venderon ao estar «moi por debaixo do prezo ao que se construíron».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha