O Equipo Territorial de Policía Xudicial (ETPJ) de Corcubión, pertencente á Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña, detivo a un home como presunto autor de dous delitos de roubo con forza na fase de explotación da operación Fizavi.
A mencionada operación iniciouse a raíz dos roubos con forza ocorridos en xullo de 2022, o primeiro nunha vivenda da localidade de Fisterra e o segundo na localidade de Zas, perpetrándose ambos cos moradores durmindo no interior, o que causo gran alarma social na zona.
No primeiro dos roubos o presunto autor accedeu á vivenda tras forzar unha das xanelas, subtraendo obxectos de diferente natureza, xoias, diñeiro en efectivo e tarxetas bancarias das que fixo uso no caixeiro automático dunha entidade bancaria na localidade de Cee, coa intención de subtraer o diñeiro que había nas contas asociadas ás mesmas.
O segundo produciuse dúas noites despois, accedendo novamente á vivenda tras forzar unha xanela, rexistrando todas as estancias da mesma, incluídos os dormitorios ocupados polos moradores, subtraendo diñeiro e diferentes obxectos.
No transcurso da operación, os compoñentes de ETPJ tras a análise exhaustiva da información e das evidencias recollidas, lograron a identificación plena do autor de ambos os ilícitos, resultando ser un home que se atopaba en paradoiro descoñecido ao non regresar a un centro penal insular tras un permiso a finais do ano 2021.
A Garda Civil continuou coa investigación ao obxecto de localizar a esta persoa, logrando como resultado do traballo de campo realizado polos efectivos actuantes indicios do seu posible paradoiro en Portugal, solicitando nese momento a colaboración das Autoridades do devandito país.
Como resultado da cooperación policial internacional, o presunto autor dos feitos foi detido e ingresado nun centro penal portugués.
As actuacións realizadas foron postas ao dispor do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución Nº 2 de Corcubión.
0