38
A Garda Civil detivo este venres un home no municipio pontevedrés de Soutomaior como presunto autor do homicidio da súa irmá, de 62 anos, e a súa sobriña, de 23. Os axentes da Policía Local acudiron ao lugar tras ser alertados por unha testemuña e atoparon os corpos sen vida de dúas mulleres, nai e filla, con feridas de arma de fogo; concretamente dunha pistola. O suceso tivo lugar no domicilio do agresor, que non convivía coas falecidas, logo dunha liorta familiar. O lugar dos feitos foi acordoado polas forzas de seguridade para levar a cabo a investigación. Familiares e veciños contan que as discusións eran frecuentes por diversas desavinzas familiares e mesmo apuntan a problemas coas drogas.