Detido o presunto incendiario de Boiro e Lousame

A Policía Autonómica comunicou a detención dun home pola súa presunta autoría de varios lumes nos concellos de Boiro e Lousame. Segundo explica a Xunta, o arrestado foi sorprendido “in fraganti” cando pretendía poñer lume nun monte da parroquia de Cadarnoxo, na localidade de Boiro. As forzas de seguridade localizárono na noite do 13 ao 14 de setembro cun chisqueiro na zona forestal. A detención puido levarse a cabo grazas á axuda dos axentes ambientais do distrito IV do Barbanza. A operación conxunta levaba uns meses en marcha, agora impútanlle, polo menos, a presunta autoría dun lume detectado o 8 de setembro na parroquia de Tállara, en Lousame. En calquera caso, a investigación da Policía Autonómica continúa aberta.