Sobre as 8 da tarde a Garda Civil detivo ao sospeitoso de agredir cunha arma branca á súa ex-parella en Vimianzo.
Foi localizado na praia de Os Muíños, no concello de Muxía, despois de que alertaran ao 112 da presenza dun vehículo que coincidía coa furgoneta branca coa que o presunto agresor fuxira esta mañá. Atopárono ensangrentado dentro do seu coche.
O home foi trasladado ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee para ser tratado das feridas que presentaba, está detido e pasará nas próximas horas a disposición xudicial. Buscábano desde as nove da mañá, a hora á que chegou á sede de Unións Agrarias de Vimianzo e acoitelou a súa ex-parella. Despois da agresión saíu correndo do lugar e fuxiu nun vehículo. Dende entón, un gran dispositivo, con helicóptero incluído, estívoo buscando. O suceso produciu unha enorme conmoción na vila. Ambos eran persoas moi coñecidas en Vimianzo. Durante toda a xornada, axentes da Policía Xudicial recollen probas no local onde Javier Miñones acoitelou supostamente a súa ex-parella. Javier ten 41 anos, é fontaneiro. Montserrat ten 48. Ambos estaban divorciados e saían xuntos. Pero esta relación rompeuse recentemente. O suceso conmocionou os seus veciños. Os dous son moi coñecidos na vila.
Tódolos partidos políticos condenaron esta agresión.