Detido tras darse á fuga da Policía Local de Carballo e provocar un accidente

Vehículo da Policía Local

Un home de 32 anos protagonizou unha perigosa persecución policial á primeira hora da tarde deste luns en Carballo. Sobre a súa pista estaba unha patrulla da Policía Local, dado que xa se vira involucrado nun accidente con fuxida días atrás contra un Peugeot 307 policial.

Localizado este luns nun control rutineiro e tras darlle o alto déuselles á fuga nun Peugeot 307 azul en actitude temeraria, circulando por varias rúas do centro urbano facendo caso omiso das advertencias dos axentes, ata que á altura da rúa Mahón e Río Xallas con Avenida da Milagrosa chocou con outro turismo que estaba aparcado, un Volkswagen Tiguan.

Lonxe de obedecer, o condutor e único ocupante do vehículo, fuxiu do lugar á carreira, aínda que de inmediato foi interceptado e detido polos axentes que o perseguían. Unha vez identificado púidose constatar que se trataba de Rafael M.G., un veciño de Zamora afincado na capital de Bergantiños e sobre o que pesan dúas ordes de ingreso en prisión, ademais circulaba sen carné e deu positivo en drogas. O detido quedou custodiado pola Garda Civil de Carballo á espera do seu paso a disposición xudicial. O vehículo tamén foi requisado e as forzas da orde investigan a orixe de numerosos obxectos atopados no seu interior.

Os traballos de campo realizados estes días pola Policía Local de Carballo están a dar os seus froitos, como a detención o pasado venres de dous presuntos ladróns aos que se lle atribúen numerosos roubos na zona, entre eles os perpetrados no edificio do Fórum, de onde desapareceu abundante maquinaria.