Detido un carballés por sementar o caos no centro da Coruña

1 minutes read

Axentes da Policía Local da Coruña detiveron á primeira hora deste xoves a un home de 33 anos veciño de Carballo como presunto autor dos delitos de desobediencia, resistencia e condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Segundo recolle o parte de incidencias da Policía Municipal, unha dotación do corpo foi requirida a través da Sala Operativa do 092 para que acudisen ao aparcamento do centro de lecer Cantóns Village da cidade. Alí os vixiantes de seguridade do aparcamento tiñan retido a un home que conducía un turismo polo interior do mesmo de modo neglixente e presentando sintomatoloxía de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou outras substancias tóxicas.

Xa no lugar, a Policía entrevistouse cos vixiantes e o condutor retido, observando neste, ademais de síntomas físicos que o facían incompatible para a condución de vehículos de motor, un gran estado de excitación. O home negouse a colaborar e a identificarse mofandose dos axentes, e dirixiuse ao seu vehículo coa intención de subirse e evadirse da intervención policial, polo que foi retido. Nese momento, ofreceu forte resistencia polo que os policías reducírono e inmobilizaron, sendo informado da súa detención.

Tras o seu traslado inicialmente á Xefatura da Policía Local, onde se instruíron as dilixencias por delito contra a seguridade viaria, posteriormente foi enviado ao acuartelamento do Corpo Nacional de Policía en Lonzas onde ingresou en calabozos e se continuou co atestado dos outros dous delitos.