A Policía Nacional detivo este venres o suposto autor do acoitelamento dun menor de 14 anos ocorrido nas festas da Ascensión o xoves pasado, 18 de maio, nas proximidades da igrexa de Santa Susana, en Santiago.
O rapaz evoluciona favorablemente e permanece estable no complexo hospitalario universitario compostelán tras recibir unha coitelada na parte posterior da perna esquerda.
Segundo informan as forzas de seguridade nun comunicado, os axentes que chegaron en primeiro lugar “taponaron eficientemente a ferida, que sangraba abundantemente, ata a chegada do persoal médico”.
As investigacións realizadas pola Brigada Local de Policía Xudicial da Comisaría de Santiago de Compostela puideron determinar que o presunto autor da agresión sería un coñecido da vítima, tamén menor.
A Fiscalía de Menores foi informada dos feitos e, á espera do atestado final, decretou que permaneza baixo a custodia dos seus proxenitores.