Detido un menor ebrio e circulando en sentido contrario cun coche roubado


Un menor de 17 anos foi detido pola Garda Civil tras ser sorprendido conducindo un coche roubado en sentido contrario pola autovía A-55 e facelo, ademais, baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Segundo informou o Instituto Armado, o mozo carecía, pola súa idade, de permiso de conducir e foi interceptado polas autoridades tras sufrir un accidente de tráfico.

O sinistro produciuse, cando o agora detido, de nacionalidade romanesa, se desprazaba pola autovía A-55 cara a Tui.

Despois de realizar un cambio de sentido, o mozo avanzou uns 200 metros en dirección contraria e terminou chocando cunha das varandas da estrada para evitar o choque frontal cun camión.

O condutor, que saíu ileso do choque, deu positivo na proba de alcolemia e foi detido como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria por conducir ebrio e facelo de forma temeraria.

Ademais, investígano polo roubo do coche en que viaxaba que, segundo comprobaron os axentes, fora substraído recentemente en Vigo.

Unha vez instruídas as dilixencias, que foron remitidas á Fiscalía de Menores, o mozo quedou en liberdade baixo a custodia e tutela dos seus pais.