Detido un mozo de 19 anos tras acceder armado aos terreos do castelo de Windsor

1 minutes read

Un mozo armado foi detido este sábado tras lograr acceder aos terreos que rodean o castelo de Windsor (centro de Inglaterra), onde pasa o Nadal a raíña Isabel II, tal e como informou a policía británica.

O home, de 19 anos e natural de Southampton (sur de Inglaterra), permanece baixo arresto despois de que os axentes «responderan ao incidente de seguridade» nos terreos do castelo, que ocupan unhas cinco hectáreas.

O individuo, que non accedeu a ningún dos edificios do complexo, «foi detido como sospeitoso de entrar ilegalmente nun espazo protexido e posesión dunha arma ofensiva», detallou nun comunicado a policía da rexión inglesa de Thames Valley.

As forzas de seguridade aseguran que»membros da familia real estiveron informados todo o tempo sobre o incidente», e non consideran que haxa ningún «perigo máis amplo» nestes momentos para a cidadanía.

O príncipe Carlos e a súa esposa Camila, entre outros membros da monarquía, tamén asistiron este sábado a unha misa na capela do castelo de Windsor.