Veciños da rúa Estrela de Carballo solicitaron presenza policial na madrugada deste venres ao sábado ao detectar a presenza dun mozo en actitude violenta ás 3.30 horas. Á chegada dunha patrulla da Policía Local, o mozo estaba moi alterado, golpeando o portal dun edificio cunha barra de ferro e a consecuente rotura dos cristais da porta de acceso ao mesmo. En apoio sumouse unha patrulla da Garda Civil. Tras ser identificado polos axentes, estes puideron constatar que o mozo tiña en vigor unha orde de afastamento de 300 metros da súa proxenitora, residente nese lugar. Polo quebrantamento da devandita orde o mozo foi detido e trasladado aos calabozos da Benemérita sen opoñer resistencia. Cabe destacar que unha orde de afastamento inclúe a prohibición do presunto agresor a aproximarse á vítima ou a algúns dos seus familiares. Isto inclúe a súa residencia, o seu lugar de traballo e calquera lugar normalmente frecuentado polos suxeitos. Tamén se priva ao presunto agresor do dereito a residir no lugar onde se cometeu o delito ou no que viva a vítima.
Inicio Costa da Morte Detido un mozo en Carballo tras quebrantar violentamente unha orde de afastamento...