Detido un veciño de Arteixo despois de que comisasen armas prohibidas na súa casa

Foto_Guardia Civil.

A Garda Civil detivo a un veciño de Arteixo como presunto autor dun delito de ameazas graves no ámbito familiar e comisou na súa vivenda varias armas que carecían de autorización, outras prohibidas e obxectos perigosos, algún deles de fabricación caseira. Segundo informa o Instituto Armado, os feitos sucederon por mor da denuncia interposta polos seus pais no Posto da Garda Civil de Arteixo ao ser ameazados cun coitelo.

A Benemérita procedeu á súa detención e rexistro do domicilio, onde localizou distintas armas, entre elas, un revólver de fogueo modelo ‘Bruni new 380’ do calibre 9 milímetros con cinco cartuchos de fogueo no tambor, tres carabinas de aire comprimido coa súa correspondente munición e un arco con estoxo e tres frechas.

Os axentes tamén comisaron un machada, dous puños americanos con forma de garra, nove cartuchos de gas para detonar os proxectís de aire comprimido, un martelo de cabeza cadrada, unha arma de bambú acabada en pico simulada no interior dun tubo aspirador, varias barras metálicas de obra con mango artesanal, un machete fabricado cun pau de madeira e unha pedra cortante e tres armas brancas.

O detido, xunto coas actuacións realizadas, foi posto a disposición xudicial no Xulgado de Instrución número 8 da Coruña.