Detido un veciño de Betanzos por conducir sen carné e baixo os efectos do alcol

Dispositivo de control en Ledoño_Cedida

  • O home, que na proba de consumo de alcol arroxou un valor de 0,35 mg/l, tratou de xustificar o resultado aludindo a problemas sentimentais

Un veciño de Betanzos foi detido pola Garda Civil de Tráfico da Coruña por conducir sen permiso e por estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas.

Os feitos ocorreron mentres a mencionada unidade realizaba un dispositivo de control de consumo de bebidas alcohólicas na estrada AC-14, no termo municipal da Coruña.

Os axentes observaron que un dos vehículos que circulaba en sentido Ledoño se detivo na beiravía antes de chegar ao dispositivo. Cando dous dos efectivos se aproximaron ata o turismo para constatar as causas do estacionamento, solicitaron ao condutor o permiso de condución do que finalmente carecía.

A forza actuante procedeu entón a realizarlle a proba de detección do consumo de bebidas alcohólicas arroxando un valor de 0,35 mg l, tratando de xustificar esta persoa o resultado baseándose en que tiña problemas de tipo sentimental.

O condutor, que foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución de garda da Coruña, está a ser investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria.