Detido un veciño de Cee como presunto autor de dous delitos de roubo


A Policía Xudicial da Garda Civil de Corcubión detivo a unha persoa como presunta autora de dous delitos de roubo con intimidación na fase de explotación da operación Farcin. A operación iniciouse o pasado 22 de maio tras tentar un individuo cuberto cun pasamontañas e portando un obxecto contundente acceder a unha farmacia en Corcubión, tras logralo, intimidou á empregada para que lle entregase a recadación, aínda que esta puido refuxiarse, polo o que o asaltante fuxiu do lugar sen conseguir o seu obxectivo.

Sala de cinema de Cee

Posteriormente na mesma tarde repetiu a operación nunhas salas de cinema da localidade de Cee portando neste caso unha arma branca, logrando as traballadoras eludir o roubo, fuxindo o asaltante do establecemento. A Garda Civil puido identificar ao suposto autor dos feitos así como as evidencias que relacionaban a autoría dos dous ilícitos con esta persoa. Procederon á detención deste individuo como presunto autor de dous delitos de roubo con intimidación en grao de tentativa, poñéndoo, xunto coas actuacións realizadas, ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda de Corcubión, decretando a Autoridade Xudicial o seu ingreso en prisión.