- Foi a propia directiva do centro quen empezou a sospeitar da situación
A Garda Civil do Posto de Vimianzo detivo a un veciño de Culleredo (A Coruña) que tentaba acceder a un emprego como enfermeiro nunha residencia de maiores e para o que utilizaba un título falsificado no Grao de Enfermería.
O agora detido presentouse a unha oferta de traballo na residencia de maiores en Vimianzo a través dun coñecido portal da internet e acudiu á entrevista achegando a titulación universitaria de Grao en Enfermería, supostamente cursado en Madrid. Foi a propia dirección do centro de maiores quen comezou a sospeitar da veracidade dos documentos achegados e da profesionalidade do candidato, polo que informou da situación á Garda Civil.
A investigación continúa aberta para comprobar que o resto de titulacións acreditadas polo detido e, posiblemente, utilizadas para outros postos de traballo anteriores, non sexan tamén falsificadas.
Por todo isto, o candidato a enfermeiro foi detido e posto a disposición xudicial. Impútanselle os supostos delitos de falsidade documental e intrusismo profesional.