O equipo do posto principal da Garda Civil de Oleiros detivo a un veciño de Malpica como suposto autor de 17 delitos de roubo con forza nas cousas e outro de simulación de delito.
A investigación iniciouse en xaneiro, a raíz de varios roubos con forza no interior de vehículos da zona do Seixo Branco, en Oleiros, e que causaron unha gran alarma social, xa que se trata dunha zona de recreo e moi tranquila. A Garda Civil, a través de medios específicos dos movementos do vehículo no que se desprazaba e os recoñecementos practicados a testemuñas e prexudicados, conseguiu identificar o autor.
Impútanselle doce delitos de roubo con forza en interior da zona de Seixo Branco, en Oleiros; un delito de roubo con forza nunha farmacia da localidade de Dorneda-Oleiros; un delito de roubo con con forza nunha cafetería de Mera-Oleiros, e tres delitos de roubo con forza no interior de tres vehículos en Caión.
Nun dos roubos, o autor deixouse o seu propio teléfono móbil no interior dun dos coches forzados, denunciando poucos días despois que lle era subtraído do seu propio vehículo tras romperlle un portelo. Os gardas comprobaron que se trataba dunha denuncia falsa, polo que se lle imputa ademais un delito de simulación de delito.
O autor, que ten numerosos antecedentes, foi detido e posto ao dispor do xulgado de garda da Coruña.