A Garda Civil de Malpica detivo a un veciño da localidade, como suposto autor dun delito contra a saúde pública. Os feitos ocorreron cando unha patrulla que realizaba un servizo de prevención da seguridade pública na localidade, observou a dúas persoas, unha das cales lle entregou á outra un billete recibindo desta unha bolsiña de plástico de cor branca.
Ao decatarse da presenza dos axentes ambos iniciaron a fuxida do lugar á carreira, sendo perseguidos polos efectivos actuantes, logrando interceptar a escasos metros ao individuo que recibira o diñeiro.
Unha vez interceptado cominóuselle a que explicase o motivo da súa fuxida, preguntándolle ademais se portaba algún tipo de substancia estupefaciente, ante o cal esta persoa entregoulle aos gardas civís unha bolsiña plástica de cor branca, similar á que lle entregaba á outra persoa, en cuxo interior contiña unha substancia de cor branca, supostamente cocaína.
Ante estes feitos, a Garda Civil realizou un rexistro superficial da persoa e das súas pertenzas, achando no seu transcurso dúas pedras dunha substancia resinosa de cor marrón, supostamente haxix, unha bolsa plástica cunha substancia branca no seu interior, supostamente cocaína e 490 euros en moeda fraccionada.
A Garda Civil procedeu á detención desta persoa como presunta autora dun delito contra a saúde pública e á incautación dos efectos atopados. O detido, xunto coas actuacións realizadas e os efectos incautados, foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Carballo.
