A Policía Nacional detivo o xogador do Deportivo Iñigo López dentro dunha operación contra supostos amaños de partidos de primeira e segunda división para obter beneficios a través das apostas deportivas.
Entre os arrestados están tamén tres canteiráns do Real Madrid, entre eles o ourensán Borja Fernánez, quen se acaba de retirar tras pasar as dúas últimas temporadas no Real Valladolid, Raúl Bravo e Carlos Aranda.
A policía rexistra a sede do Huesca
Un amplo dispositivo da Policía Nacional despregouse na sede da Sociedade Deportiva Huesca na capital oscense desde primeiras horas deste martes. O presidente do club aragonés, Agustín Lasaosa é un dos detidos, así como tamén o xefe dos servizos médicos do equipo, Juan Carlos Galindo Lanuza.
Denuncia da Liga
Unha denuncia presentada pola Liga de Fútbol Profesiona en maio de 2018 ante o posible amaño nun partido ao final da temporada pasada orixinou a operación que a Policía Nacional está desenvolvendo este martes. Fuentes da Liga confirmaron a presentación desa denuncia hai agora un ano ante as sospeitas de supostas irregularidades detectadas polo seu departamento de Integridade e Seguridade no encontro que disputaban o Huesca e o Nàstic de Tarragona que rematou con vitoria dos cataláns por un gol a cero e cando xa o Huesca estaba ascendido a primeira. Nas casas de apostas detectouse ese día unha inxente entrada de cartos, catorce veces superior ao normal, e apostando polo cero a cero ao descanso e o cero a un ao final; tal cal acabou sendo. Tamén hai sospeitas sobre o último Valladolid-Valencia desta campaña.
A manipulación dos encontros realizábase en varias fases. Primeiro seleccionábanse os encontros, principalmente do inicio ou do final da liga. Facíase un proceso de captación, realizando unha primeira aproximación de «tenteo» a algún membro do equipo, preferiblemente un dos capitáns. Aceptado o amaño, o pagamento faise sempre en metálico e en dúas fases, unha previa ao encontro e outra unha vez producido o resultado pactado, intentando realizar apostas combinadas -resultado parcial e final, saque de esquinas..-, o que permiten incrementar as marxes de ganancias.
O Deportivo alleo á operación
O Deportivo tivo constancia da detención de Íñigo López polos medios de comunicación e mantense alleo ao caso, xa que López leva catro meses no equipo e só tivo minutos nun partido coa camiseta branca e azul, despois da súa chegada no mercado invernal tras rescindir o seu contrato co Estremadura.
O central, que xogou 19 minutos no encontro do pasado 26 de abril co Numancia, adestrouse este luns cos seus compañeiros e pola noite presenciou o partido do seu equipo contra o Mallorca no estadio de Riazor.
O corpo técnico deulles descanso aos xogadores este martes, polo que López non tiña que adestrarse.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, confirmou que os dous detidos en Galicia no marco desta operación -Íñigo López e Borja Fernández- permancen en dependencias policiais galegas. En declaracións aos periodistas en Pontevedra, Losada sinalou que investigan todos os detidos pola súa suposta pertenenza a organización criminal, corrupción entre particulares e branqueo de capitais.