Detidos dous carballeses como presuntos autores de tres roubos e dous furtos

1 minutes read

O Equipo de Patrimonio da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia da Coruña detivo a un home e unha muller como presuntos autores de tres delitos de roubo e dous delitos de furto na fase de explotación da operación Carrizo. A mencionada operación iniciouse por mor dos ilícitos contra o patrimonio ocorridos nos concellos da Laracha e Serra de Outes. A forza actuante constatou que estes delitos foran realizados co mesmo modus operandi.

Os agora detidos localizaban vivendas en zonas rurais con baixa densidade de poboación e cuxos moradores fosen normalmente persoas de avanzada idade con algún problema de mobilidade ou auditivo que os fixese máis vulnerables, aproveitando dita circunstancia para acceder ao domicilio e perpetrar os ilícitos.

Os investigadores lograron a identificación plena dos presuntos autores, sendo estes coñecidos das forzas de seguridade por outros delitos de diversa índole. Unha vez aclarada a identidade, a Garda Civil sorprendeu aos detidos cando trataban acceder a un domicilio na parroquia de Erboedo – A Laracha, intervíndolles diñeiro en efectivo, efectos froito dos roubos perpetrados e o vehículo no que se desprazaban.

Os presuntos delincuentes, xunto coas actuacións realizadas e os efectos intervidos, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución nº 3 de Carballo.