Detidos dous veciños de Carballo como presuntos autores dun delito continuado de estafa, entre outros

1 minutes read

A área de Investigación do Posto Principal da Garda Civil de Arteixo, detivo a dúas persoas como presuntos autores dun delito continuado de estafa e outro delito continuado de falsificación de documento privado. Os feitos ocorreron por mor dunha denuncia presentada pola nai da detida, na que manifestaba recibir notificacións da DXT, comunicándolle infraccións de vehículos dos cales supostamente é ela a propietaria, non realizando a compra dos mesmos.

A Garda Civil investigou os feitos, en aras de comprobar a veracidade dos mesmos e identificar o autor ou autores no seu caso. Os efectivos da mencionada unidade, realizaron as xestións e actuacións pertinentes para o esclarecemento dos feitos, dando como resultado das mesmas a detención da filla da denunciante e o marido desta como presuntos autores dun delito continuado de estafa e outro delito continuado de falsificación en documento privado.

Os detidos compraban desde 2.006 vehículos usados a nome da nai da detida ou do seu compañeiro sentimental, procedendo posteriormente á venda dos mesmos sen realizar a pertinente transferencia de titular, consumando así os delitos referidos. En total realizaron por este método 19 compravendas de turismos, descoñecendo a suposta titular dos mesmos a súa existencia ata a recepción das notificacións da DXT.

A Garda Civil puxo aos detidos, xunto coas actuacións realizadas, ao dispor do Xulgado de Instrución de garda da Coruña.