Detidos dous veciños de Carballo por un delito de roubo en Vimianzo

2 minutes read

O Equipo Roca da Garda Civil de Carballo detivo a dous veciños desta localidade como supostos autores dun delito continuado de roubo con forza. Foron sorprendidos “in fraganti” cando se atopaban subtraendo diverso material do interior dunha nave industrial dedicada á construción situada nas inmediacións á localidade de Vimianzo.
Os feitos ocorreron a raíz de varias denuncias interpostas polo propietario da nave industrial en dependencias oficiais da Garda Civil. Manifestando que entre os meses de febreiro e marzo, autor/es descoñecidos, tras forzar un dos portais da nave, accederon ao interior causando grandes danos e subtraendo diversos obxectos como cable de cobre, portas de aluminio, baterías, etc.
A Garda Civil iniciou unha investigación para o esclarecemento destes feitos delituosos e dar co autor ou autores dos mesmos.
Nunha das inspeccións oculares da nave, os efectivos actuantes chegaron á conclusión de que os delincuentes volverían en pouco tempo á nave para subtraer o resto de obxectos e cobre que quedaba.
Dentro do operativo que a Garda Civil tiña activo para o esclarecemento dos feitos, observaron como un vehículo accedía na noite á zona da instalación.

Tras solicitar apoio da Patrulla do Posto da Garda Civil de Corcubión accederon ao interior da nave, observando como novamente cortaran cable de cobre, arrincándoo das paredes e causando graves danos ás instalacións, amontoándoo en diversos montículos xunto con outros obxectos, coa intención de extraelo.
Posteriormente localizaron a dous homes ocultos nunha zona de maleza que había nas proximidades da nave procedendo á súa detención como supostos autores dun delito de roubo con forza.
Os detidos naturais de Carballo e con antecedentes por outros feitos, causaran danos e subtraído obxectos por un valor superior aos 80.000 euros.
Os detidos xuntos ás dilixencias instruídas foron postos ao dispor xudicial do Xulgado de Guardia e Instrución de Corcubion.