Detidos dous veciños de Muxía relacionados co roubo de gasoil na Costa da Morte

1 minutes read

O equipo Roca da Garda Civil de Carballo en colaboración cos Postos da Garda Civil de Corcubión e Muxía, así como a Policía Local de Muxía, detiveron a dous veciños e investigaron a outros dous de de Muxía e Fisterra como presuntos autores de varios delitos de roubos de gasoil na Costa da Morte.

Segundo informa a Garda Civil os feitos ocorreron por mor das denuncias interpostas por varios sperjudicados desde o pasado mes de novembro de 2021. No transcurso da investigación levada a cabo, as forzas da orde lograron a identificación plena dos autores destes ilícitos.

O modus operandi consistía en fracturar as tapas do depósito de combustible de diversa maquinaria que estivese na vía pública para subtraer o gasoil que se atopaba no seu interior. Aproveitaban que distintas empresas, que realizaban obras ou traballos forestais que deixaban estacionada maquinaria pesada con grandes depósitos de combustible na vía pública. Tamén subtraían gasoil dos camións ou tractores de gran tamaño e chegaron mesmo a entrar no interior dunha nave para subtraer o gasoil dun camión, fracturar o cadeado dunha leira para acceder ao interior e subtraer o gasoil dunhas máquinas escavadoras ou acceder a empresas que tiñan maquinaria que realizan servizos públicos.

Os feitos ocorrían a altas horas da madrugada e supoñía unha gran perda económica para as empresas, particulares e entes públicos. A Garda Civil procedeu á detención destas dúas persoas e á investigación dos outros dous, como presuntos autores dunha decena de roubos de gasoil entre os meses de novembro de 2021 ata a data actual nas localidades de Camariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, e Carnota. A Garda Civil continúa coa investigación aberta e as dilixencias foron postas ao dispor do Xulgado de Corcubión