O Equipo Territorial da Policía Xudicial da Garda Civil de Noia, en colaboración coa área de investigación da Garda Civil de Milladoiro, detivo a dous individuos como presuntos autores de catro delitos de roubo con intimidación.
Os feitos ocorreron os días 04,05 e 06 de xullo do ano en curso, en catro gasolineiras ,unha no termo municipal de Teo, duas no termo municipal de Padrón e a cuarta no termo municipal de Ames. Nos catro feitos o modus operandi era o mesmo, dous individuos chegaban á estación de servizo nunha motocicleta de alta cilindrada, ameazaban ao empregado cun coitelo e roubaban a recadación. Estes feitos xeraron unha gran alarma nos establecementos do ramo, dado o breve espazo de tempo no que se cometeron e o perigo do medio empregado para a comisión.
O Equipo de Policía Xudicial que investigou os feitos, solicitou a colaboración das Unidades de Seguridade Cidadá da Garda Civil e da área de Investigación do Posto Principal de Milladoiro, á vez que activou a coordinación co Corpo Nacional de Policía, conseguindo deste xeito unha rápida identificación e localización dos responsables. A explotación da operación permitiu, ademais de proceder á detención dos autores, a recuperación da motocicleta utilizada para os desprazamentos e o coitelo con que ameazaban ás vítimas dos ilícitos.
Os detidos, as actuacións realizadas e os efectos recuperados foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda de Padrón, que decretou o seu ingreso en prisión.