Detidos tres furtivos en Arteixo e incautados 15 quilos de percebe

2 minutes read

A Patrulla do Servizo de Protección da Natureza (PAPRONA) da Garda Civil de Arteixo en colaboración co Posto Principal desa localidade e os Gardas Rurais da Confraría da Coruña, detivo a tres homes como presuntos autores dun delito de desobediencia grave e incautou 15 quilogramos de percebes.
Os feitos, enmarcados na colaboración existente entre a Garda Civil e a Confraría da Coruña para o control do furtivismo, ocorreron a raíz da comunicación realizada por un Guarda Rural da citada entidade comunicando a presenza de tres individuos habituais na extracción ilegal de percebes, na zona de Illa a Gaianda.
Os compoñentes do Paprona desprazáronse ao lugar mentres o Guarda Rural seguía informando da situación destas persoas, unha vez na zona, os efectivos actuantes solicitaron a colaboración dunha Patrulla de Seguridade Cidadá do Posto Principal de Arteixo para o control dunha posible vía de fuxida destas persoas en caso de ser percibida a súa presenza.
Ao perder a observación directa destas tres persoas, os efectivos actuantes decidiron intervir, localizándoos cando se dirixían cara á estrada, momento no que os homes detectaron a presenza dos gardas civís, iniciando a fuxida coa bolsa de percebes monte a través, facendo caso omiso das ordes para que se detivesen.
A Garda Civil iniciou unha persecución ata a ribeira, dado que os furtivos lanzáronse coas capturas ao mar, novamente os efectivos actuantes impartiron as oportunas indicacións para que regresasen a terra, facendo novamente caso omiso das mesmas, regresando á illa onde realizaron os labores de extracción.
Ante esta situación, os gardas civís solicitaron a colaboración da Confraría da Coruña, a cal facilitoulles unha embarcación tripulada polos Gardas Rurais.
Unha vez embarcados os compoñentes da Paprona, a embarcación tomou rumbo á illa na que se atopaban estas tres persoas, procedendo á súa detención como presuntos autores dun delito de desobediencia grave e ao seu traslado á costa.
Unha vez en terra, os detidos foron trasladados ás dependencias do Posto Principal de Arteixo, onde se comunicou a detención a un familiar e solicitar que lles achegase roupas para mudarse.
Unha vez mudados, a Garda Civil procedeu á incautación dos percebes os cales esconderan na illa e foron localizados polos Gardas Rurais, dos traxes de neopreno, dunha panferra, dúas bolsas de malla, e á confección das pertinentes acta- denuncia por supostas infraccións á lei 11/2.008 de pesca de Galicia.
Os detidos, xunto coas actuacións realizadas e os efectos incautados, foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución de garda da Coruña.
Os percebes incautados foron entregados na Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos da Coruña.