- Tamén foi multado un bar de Zas por servir bebidas no establecemento.
A Garda Civil de Vimianzo procedeu á detención de tres veciños da localidade, de 25,24 e 19 anos polo incumprimento reiterado da obrigación de confinamento ordenado no Real Decreto 463/2020 polo que se establece o Estado de Alarma ante a Emerxencia Sanitaria causada polo COVID-19.
A detención de dous deles (parella sentimental) produciuse cando a patrulla se atopaba realizando un control preventivo na entrada á autovía AG-55 na localidade de Vimianzo. Unha vez controlado o vehículo no que circulaban sen causa xustificada para facelo e dúas no mesmo coche, os axentes comprobaron que o incumprimento do confinamento por parte da parella era reiterado, sendo proposto o home para sanción administrativa en cinco ocasiones na última semana por diferentes unidades da Garda Civil. Ao anteriormente exposto, engadíase a actitude do detido, mostrando total desdén e indiferenza polas indicacións dos gardas e pola obrigación de permanecer nas vivendas, chegando a manifestar en varias ocasións que estaba “a dar un paseo”. Por estes feitos, produciuse a detención instruíndo dilixencias por un delito de desobediencia.
Posteriormente, cando a patrulla se atopaba en dependencias do posto de Vimianzo, produciuse a terceira detención. Un amigo dos detidos, o cal xa incumprira en diferentes ocasións a obrigación de confinamento, presentouse no cuartel da Garda Civil cun ladrillo na man facendo o simulacro de utilizalo para romper a ventá do acuartelamento para tentar axudar aos seus amigos a fuxir. Ao ser sorprendido polos axentes antes de lanzar o ladrillo, emprendeu a fuxída a pé sendo detido pouco tempo despois e trasladado ao cuartel onde se lle instruíron dilixencias por un delito de desobediencia grave. Tras prestar declaración foron postos en liberdade á espera de ser citados pola autoridade xudicial para comparecer ante ela.
Bar en Zas
Así mesmo, no mesmo día a Garda Civil de Vimianzo levantou acta administrativa a un bar-estanco da localidade de Zas por servir bebidas aos clientes no establecemento, incumprindo o establecido na normativa sobre o Estado de Alarma. Sendo este establecemento público, o segundo en poucos días ao que se sorprende levando a cabo actividades contrarias ao establecido no Real Decreto para loitar contra a propagación do COVID-19.