Devastador incendio nunha vivenda habitada en Carballo


Un devastador incendio deixou totalmente esnaquizado un segundo piso dun edificio de vivendas situado na confluencia da rúa Río Mandeo co número 18 da rúa Río Sil, en Carballo. A voz de alarma dérona os veciños da zona tras a chamada de auxilio dunha residente pola xanela. Inmediatamente chegaron ao lugar dúas patrullas da Policía Local e unha Ambulancia. Os axentes tentaron, con gran valentía, acceder ao inmoble nunha primeira instancia, pero xa lles era imposible, unha densa fumareda asolagaba as zonas comúns do edificio. O peor é que unha muller de 65 anos, C.R.M, atopábase atrapada nunha habitación desa vivenda, pelexando por tentar evadirse da densa fumareda na xanela contigua onde estaba o foco principal do lume, á espera da chegada dos Bombeiros, o lume avivouse de súpeto, mesmo con algunha pequena explosión e a señora desapareceu da xanela, presuntamente desvanecida no chan polo fume, onde finalmente foi atopada sen vida. Os bombeiros procederon á ventilación das vivendas superiores habitadas que tamén se viron afectadas polo fume. Ao lugar tamén acudiu unha patrulla da Garda Civil. As forzas de seguridade abriron unha investigación para determinar as causas deste tráxico suceso.

Durante os primeiros minutos do incendo, antes da chegada dos Bombeiros, a señora situábase na xanela contigua ao foco do lume.
Aos poucos minutos chegaron os Bombeiros, controlaron o lume e accederon á vivenda, a muller que a ocupaba non lograba sobrevivir.
Os servizos funerarios retiraron o cadáver da muller, unha vez ordenado o seu levantamento pola autoridade xudicial.
Tras o correspondente traballo policial e xudicial, sobre as sete da tarde procederon á retirada do corpo da muller.