Cos obxectivos de que a xente nova fale máis galego e perfeccione o seu uso tanto dentro como fóra das aulas, a Xunta de Galicia pon en marcha a terceira edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, que conta coa participación dun total de 3738 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos) de dez centros.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na videorreunión de apertura do programa xunto cos centros educativos, e aproveitou para agradecer “o esforzo do profesorado, especialmente dos equipos de dinamización da lingua galega, e da comunidade educativa en xeral”, xa que “aínda que o alumnado é o protagonista, o profesorado, as ANPAS e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da actividade”.