Dez centros de ensino participan nunha nova edición de Escola Verde

Río Anllóns ao seu paso por Carballo.

Impulsado por MeteoGalicia, o programa arrancou cunha xornada formativa telemática dirixida aos 110 profesores que se encargarán desta iniciativa, que chegará a máis de 1.400 alumnos dos centros participantes.

Trátase dun programa que ten por obxectivo acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente en todos os aspectos do eido escolar. Así, cada centro escolle unha temática sobre a que traballar durante o curso escolar, para concienciar aos alumnos no respecto pola biodiversidade e a natureza desde as idades máis temperás. Entre as propostas destacan temas tan innovadores como a arquitectura bioclimática e a súa importancia como sumidoiro de CO2, presentada polo IES Valga.

Na edición de 2021-2022 están inscritos centros de educación infantil, primaria e secundaria de todas as provincias, e destacan o CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense, que participa nas tres etapas educativas; así como o CEIP Refoxos, de Oia, e o CEIP Plurilingüe Nº1, de Tui, que repiten experiencia.

Escola Verde —xunto con MeteoEscolas- é un dos programas recollidos no Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidades na que colaboran diferentes organismos e está pensada para fomentar a innovación educativa nos centros, así como potenciar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.