A Xunta recibiu 10 ofertas de empresas para a execución das sendas de Soesto e de Serantes, na antiga traza da estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe, que suporán un investimento de máis de 310.000 euros.
As obras consisten na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de sendas ao longo da estrada AC-433, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.
A senda do núcleo de Soesto proxéctase pola marxe esquerda da AC-433 e ten como obxectivo conectar os lugares do Rueiro e Castrelo. Executarase un itinerario de preto de 600 metros de lonxitude, do punto quilométrico 10,2 ao 10,8, o treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.
No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros de lonxitude pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, o itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 11,3 ao 12,1, para favorecer a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.
A Xunta incluirá no proxecto a recolocación de toda a sinalización e das defensas existentes. Na zona de Serantes prevense novas defensas que consisten na colocación de 454 metros de varanda metálica galvanizada e 14 balizas cilíndrica flexible tipo, con bandas retroreflectoras.
Esta actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE de resposta fronte á pandemia.