- Os portos da comarca seguen sen distintivo pero este ano destaca o recoñecemento ao Centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán (Camariñas)
Un total de 112 praias pertencentes a 34 municipios galegos terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos.
Na Costa da Morte non hai cambios, conseguindo de novo dez bandeiras azuis: Caión, na Laracha; Arou, en Camariñas; Pedra do Sal, Razo e Saíñas, en Carballo; O Ézaro en Dumbría; Laxe; e A Ermida, Balarés e O Osmo, na localidade de Ponteceso.
Por segundo ano consecutivo non haberá portos con bandeira azul tras perdela o ano paso o de Camariñas. Iso si, ADEAC volve a distinguir este ano a Senda do Mar Razo-Baldaio (Carballo) como Sendeiro Azul e na comarca mantéñense os distintivos dos centros azuis para o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte Golmar (A Laracha) e o Museo Man de Camelle (Camariñas). Como novidade, neste último concello destaca o recoñecemento ao Centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán.