Diálogos Gallaecia | Feijóo pide priorizar as conexións atlánticas


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou por que os Gobernos de España e Portugal prioricen dentro dos fondos europeos as conexións ferroviarias da fachada atlántica, claves, aseverou, para a competitividade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Durante a súa participación, xunto co presidente da Cámara Municipal de Porto, Rui Moreira, na segunda edición de Diálogos Gallaecia, Feijóo referiuse á oportunidade que supón o Corredor Atlántico ferroviario para reforzar a capacidade loxística do córner do noroeste peninsular, coas conexións ferroviarias a Punta Langosteira, “xa encamiñada”, e a Saída Sur de Vigo, cuxo estudo para valorar as distintas alternativas vén de ser licitado polo Ministerio de Transportes.

Así mesmo, celebrou tamén a confirmación do Executivo portugués de priorizar a conexión entre Vigo e Porto, unha infraestrutura estratéxica que catapultaría a vertebración a ambos lados da fronteira, ao acurtar o tempo de viaxe dos 144 minutos actuais a preto dunha hora; e creando ademais un eixe continuo desde Lisboa ata A Coruña.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta afirmou que Galicia seguirá apostando pola Eurorrexión e, consecuentemente, pola cooperación entre ambos territorios, dando continuidade a un traballo que sempre deu bos resultados.

Diante dos movementos antieuropeístas e populistas, Feijóo concluíu a súa intervención incidindo na importancia de seguir apuntalando a Unión Europea e o seu proxecto, “de seguir apuntalando o maior espazo de benestar e liberdade do mundo que segue a ser”.