O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, resaltou este xoves a “forza” que representan os alcaldes do PP, e puxo como exemplo de “boa xestión” o seu labor á fronte dos concellos coruñeses. Nunha reunión mantida en Arteixo cos 37 rexedores que os populares lograron nas últimas eleccións municipais celebradas o pasado mes de maio, Calvo asegurou que o seu partido é unha “formación de alcaldes”, en clara referencia á importancia e ao peso específico que a súa figura ten dentro da organización.
Acompañado polo secretario xeral dos populares na provincia, Evaristo Ben, Calvo deu a benvida aos alcaldes que estrean cargo –Cabanas, Cerdido, Teo, Oroso, Ortigueira, Cariño, Ferrol, Ponteceso- e reclamou aos máis veteranos que axuden aos novos en todo o que necesiten.