Diego Calvo destaca en Ponteceso o esforzo da Xunta para poñer en marcha axudas para os afectados polos incendios

2 minutes read

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este venres Ponteceso e tamén se trasladou a Camariñas, dous dos concellos afectados polos incendios deste verán e nos que nalgúns casos foi necesario activar a situación 2 pola proximidade ás vivendas. En Ponteceso lembrou que, como xa se lles trasladou esta semana a alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados polos lumes nunha reunión, o Goberno galego manterá a man tendida ás entidades locais para atender as súas necesidades e o compromiso de axilizar a tramitación e os pagos das axudas postas en marcha pola Xunta.

Así, a Administración autonómica habilitou en tempo récord liñas de axudas para dar resposta aos danos provocados polos incendios, entre as que se inclúen apoios aos gastos das entidades locais derivados das súas actuacións como consecuencia dos incendios e tamén polos danos ocasionados en bens de titularidade municipal. Estas axudas formalizaranse a través de convenios de colaboración unha vez que os concellos remitan e xustifiquen os custos para a súa avaliación.

A través dos acordos que se formalicen, a Xunta colaborará coas entidades locais beneficiarias nos seus gastos para obras de reparación, mantemento ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens municipais afectados polos incendios, así como de adquisición de material para a reposición dos servizos afectados. Estes apoios tamén cubrirán os custos de limpeza e restauración ambiental ou de alugueiro, combustible e reparación de maquinaria e vehículos. Ademais, financiaranse os gastos de traslado, aloxamento e mantemento da poboación que tivese que ser evacuada ou do persoal, tanto propio como dos efectivos do operativo de extinción, que o concello tivese que asumir. Diego Calvo engadiu que os concellos tamén teñen a posibilidade de resarcir aos seus veciños e veciñas dos gastos en que incorresen pola súa colaboración na extinción.

Cómpre lembrar que, ademais das medidas destinadas ás entidades locais, as axudas da Xunta inclúen indemnizacións por danos persoais e ordes para compensar os gastos das entidades locais, de empresas ou de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como achegas destinadas á rehabilitación e reconstrución de vivendas ou á recuperación de infraestruturas en espazos protexidos e hábitats cinexéticos.

Diego Calvo tamén visitou a oficina de atención habilitada nas dependencias municipais do Concello de Ponteceso. Trátase dun dos 17 puntos existentes en Galicia nos se está a asesorar de forma presencial aos prexudicados polos incendios co obxectivo de estar preto da cidadanía e evitarlle desprazamentos. O conselleiro lembrou que ademais está á súa disposición o teléfono de atención e información á cidadanía, que se viu reforzado.