Diego Calvo destacou en Camariñas a importancia da mellora de pistas forestais para loitar contra o lume

2 minutes read

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este sábado, xunto coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, a nova pista forestal de case un quilómetro no monte Cabo Vilán de Camariñas, na que a Xunta investiu máis de 30.600 euros cofinanciados a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027.

Segundo explicou o conselleiro, pistas forestais coma estas que a Consellería do Medio Rural está a levar a cabo, contribúen á prevención dos incendios forestais e a mellorar a capacidade de resposta fronte os lumes. Trátase de actuacións preventivas coas que evitar que o lume se produza e, en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

A través desta actuación mellorouse o tramo con traballos de planeo e refino da caixa do camiño con motoniveladora, o estendido e compactación dunha base de saburra natural, a limpeza de cunetas con retroescavadora e a construción de dous pasos de auga. Deste xeito, preténdese facilitar o acceso a este monte por parte do servizo de prevención e defensa de incendios forestais, para así garantir a correcta circulación dos vehículos antiincendios. Ademais, tamén se busca interromper a continuidade da vexetación na zona en caso de declararse un lume.

Diego Calvo puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións, coma neste caso entre a Xunta e o Concello de Camariñas, e tamén cos propietarios, a través da Asociación de Propietarios A Croa, para a execución desta pista. No caso desta entidade, trátase dunha agrupación forestal de xestión conxunta, colectivos cos que a Xunta mantén liñas de apoio debido á súa contribución a poñer en valor o monte galego. Nesta liña, agradeceu á Asociación de Propietarios A Croa o traballo que realizan en proxectos destinados á recuperación produtiva do monte e á súa conservación.

A nova pista no monte Cabo Vilán súmase a outras tarefas de roza en camiños no Distrito Forestal V,  que continúan este verán coa intervención dun robot destinado para esta tarefa na zona.

O conselleiro de Presidencia fixo referencia tamén ás importantes melloras implantadas este ano e que consolidan a aposta da Xunta pola prevención de incendios. Así, sinalou que dos 213 millóns do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste ano, máis de 75,38 millóns de euros corresponden integramente á prevención, o que supón un 50% máis respecto ao ano pasado.

Diego Calvo reafirmou ademais o compromiso da Xunta pola prevención nas faixas secundarias, as que rodean os núcleos de poboación, e sinalou que o convenio asinado con Seaga para a xestión de biomasa nestas zonas, e a través do cal se lle presta apoio a particulares e entidades locais no cumprimento das súas obrigas, conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que anterior.