O candidato a presidir a dirección do Partido Popular da Provincia da Coruña, Diego Calvo, iniciou este martes en Muxía unha serie de actos cos que percorrer ata o próximo 13 de setembro diferentes municipios das comarcas coruñesas, nunha campaña coa que o dirixente popular pretende reunirse con alcaldes, portavoces e simpatizantes da súa formación para facerlles chegar o que será o seu proxecto á fronte do partido durante os próximos anos.
A pouco menos dun mes para a celebración do Congreso Provincial que terá lugar na Coruña o próximo 25 de setembro, Calvo pretende con esta campaña reforzar o contacto directo e estreito coas bases do seu partido para, en primeiro lugar, agradecer o apoio recibido a través dos avais á súa candidatura e, en segundo lugar, establecer as liñas mestras coas que os populares deberán facer fronte aos importantes retos dos próximos meses.
O obxectivo das municipais
O dirixente popular recalcou a importancia de que a súa formación poda afrontar a cita electoral local mellor preparada que nunca para, entre outras cousas, recuperar os gobernos das tres grandes cidades da provincia –A Coruña, Santiago e Ferrol- e, ademais, incremente o seu peso provincial para acceder á presidencia da Deputación da Coruña.
Tras a cita deste martes en Muxía, o líder popular visita tamén Carballo este mércores e cerrará as reunións desta semana cun acto no Concello de Abegondo este xoves.