O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, puxo de manifesto este martes nun mitin celebrado en Cee a “importancia” de unir o voto ao redor da papeleta do seu partido o próximo 23 de xullo para evitar “pactos de despachos e bloqueos” que impidan “desaloxar” a Pedro Sánchez da Moncloa.
Acompañado pola candidata popular ao Congreso, Marta González, Calvo incidiu na “necesidade” de votar en masa para conseguir que España teña un Goberno que saia directamente das urnas. “Necesitamos un Goberno que se deba só aos españois, sen intermediarios e sen ataduras. Un Goberno que non teña que soportar interposicións e chantaxes de ningún tipo”, dixo.
Nesta mesma liña, o líder dos populares na provincia dirixiuse tamén a aquelas formacións que din que queren que goberne o PP, pero que, na súa opinión, logo bloquean para que non o faga. “A única maneira de garantir que Pedro Sánchez deixe a Moncloa é votar a Núñez Feijóo. Todo o que non sexa así é darlle ás aos socialistas”, aclarou.