Diego Uzal e Abel Martínez, novos xogadores do Bergantiños

1 minutes read

Procedente do Somozas, o centrocampista (A Coruña, 1992) chega a Carballo en plena madurez e consolidado como un dos mellores da Terceira galega na súa posición.

Logo de rematar a súa etapa de formación no xuvenil de División de Honra do Montañeros, pasou unha campaña no Santiago Compostela, en Preferente, e outras tres no Silva, co que acadou o ascenso na segunda temporada. A 2015/16 foi a da súa fichaxe polo Cerceda, onde militou dous cursos e disputou senllas fases de ascenso, antes xogar para o Somozas os últimos tres anos. Habitual nas convocatorias da selección galega, coa que se proclamou este ano campión de España da Copa das Rexións UEFA.

“Estou encantado de ir ao Bergantiños porque é un gran club e ten un proxecto moi ambicioso”, declarou logo de asinar pola entidade carballesa. “Intentarei devolverlle a confianza que depositaron en min dando todo para conseguir os obxectivos, que teñen que ser os máximos”.

Abel Martínez

Abel (Cangas do Morrazo, 1995) chega a Carballo logo de desenvolver toda a súa carreira no Alondras, onde comezou a xogar ao fútbol con só sete anos. Abel afirma que “Estou moi contento de dar este gran paso na miña carreira: é unha oportunidade perfecta para seguir medrando e unha honra que confíen en min para este proxecto tan interesante”.