Diminúe a actividade do volcán da Palma e mellora a calidade do aire


O volcán de Cumbre Vieja na Palma experimentou este martes por primeira vez a ausencia de tremor volcánico (vibracións que provoca o magma no edificio volcánico) desde que se iniciase o proceso eruptivo o pasado 19 de setembro. O comité científico do Plan Especial de Protección Civil e Atención de Emerxencias por Risco Volcánico de Canarias (Pevolca) sinalou que todos os indicadores da erupción tanto directos en superficie, como os procedentes das redes de vixilancia diminuíron certificando os “signos de esgotamento” da actividade en Cumbre Vieja. O proceso “atenuouse”, presentando un tremor case inexistente, sen deformacións do terreo e cunha sismicidade baixa en niveis intermedios e profundos. Ademais, os centros emisores deixaron de expulsar lava e piroclastos, reducindo a súa actividade ao proceso de desgasificación. O único barómetro nestes momentos que pode facer pensar que a erupción continúe durante un tempo prolongado é a emisión de dióxido de xofre (SO2), aínda en valores altos, cando debería situarse por baixo das 100 toneladas diarias.