O Consello de Administración do Deportivo da Coruña, encabezado polo seu presidente Tino Fernández, anunciou este luns a convocatoria dunha Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas para renunciar en bloque “para proceder ao nomeamento dun novo equipo de goberno”. A decisión tomouse tras a reunión do Consello e que xa “se deron instrucións á Asesoría Xurídica para que no menor prazo posible se publíquen os anuncios oficiais e a Xunta se celebre”. ”O Consello de Administración do Real Club Deportivo quere pedir a todo o deportivismo o máximo apoio no que resta de tempada para que se poidan alcanzar os obxectivos, aínda materializables, dos seus dous principais equipos: o ascenso do Real Club Deportivo a Liga Santander e o do Deportivo ABANCA á Liga Iberdrola”, sinalou o conxunto galego. Os malos resultados e a crispación da afección poderían acelerar esta decisión. O Deportivo está na actualidade fóra dos postos de promoción de ascenso. A última derrota ante o Estremadura, que está a loitar por eludir o descenso, foi o detonante para que Riazor despedise aos futbolistas e ao Consello cunha pitada. O cadro galego leva máis de tres meses sen gañar no seu campo e a situación tras o cambio de adestrador non mellorou a situación.