“Directos Xacobeo 21” leva máis de 130 concertos a 35 salas galegas


A música galega é a absoluta protagonista do novo programa da Xunta Directos Xacobeo’21 en Salas, que ata finais do mes de outubro ofrece 131 concertos de 108 artistas e bandas galegas en 35 locais de música ao vivo de toda a Comunidade. Segundo explicou o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, a iniciativa conta cun orzamento de 400.000 euros para contribuír á recuperación da actividade empresarial e artística neste ámbito e, con tal fin, foi deseñada como unha das medidas do Plan autonómico de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.

O Goberno autonómico, que asume o financiamento íntegro deste programa, conta para o seu desenvolvemento coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, que se encarga da súa xestión e coordinación como a entidade máis representativa no eido profesional da música en directo.

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou as liñas xerais e obxectivos prioritarios de Directos Xacobeo’21 en Salas no transcurso do acto de presentación, que tivo lugar no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove, un dos 35 escenarios que acollen esta programación. Interviñeron tamén Alberto Grandío, presidente de Clubtura; Javier Prado, vogal da asociación Músicas ao Vivo, e Miguel de la Cierva, propietario do Náutico, ademais de contar coa actuación musical de Blues do País.

Presenza nas catro provincias

Estes carteis despregaranse en 16 escenarios da provincia da Coruña (Bâbâ Bar, Garufa Club, Playa Club, Filomatic e Mardi Gras na Coruña; A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro, La Room e Ruido en Ferrol, A Ventana en Laxe, A Fundación e Pub Gatos en Melide, Sala Guión en Pontedeume e Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Moon Music Club e Sala Capitol en Santiago de Compostela); 13 na de Pontevedra (Aturuxo en Bueu, Krazzy Kray en Cambados, Salason en Cangas, Sala Rebullón en Mos, Náutico no Grove e El Contrabajo, Komisky, La Fábrica de Chocolate, La Iguana Club, La Pecera, Master Club, Radar Estudios e Sinatra Coctel Bar en Vigo; catro na de Ourense (Café Teatro Bajo 5 no Barco de Valdeorras, Café Cultural Auriense e El Pueblo en Ourense e A Arca da Noe en Vilar de Santos) e dúas en Lugo (Clavicémbalo e JagerLounge).