Xinecoloxía é de sempre unha especialidade con listas de espera bastante avultadas, pero nos últimos tempos o que está a pasar no Servizo do CHUS fai saltar todas as alertas. Neste momento citas de control e probas que se deberían estar dando para o mes de maio de 2019 estanse dando para marzo de 2020.

Entre o colectivo de mulleres con endometriose estas queixas son cada vez máis frecuentes. Ao se tratar de unha doenza crónica as mulleres que padecen esta doenza teñen con frecuencia que acudir a revisións e probas. E cando estas non se dan acaban saturando as urxencias porque o seguimento dos tratamentos e da evolución da doenza son fundamentais para previr agravamentos.
Á asociación chámannos mulleres que queren permanecer no anonimato por temor a algún tipo de represalia e a que a cita aínda se retrase máis, pedíndonos que interveñamos e fagamos as queixas por elas pero sen datos da paciente as queixas que poidamos facer na xerencia ou en atención ao paciente van ao caldeiro do lixo. Non se lle dan credibilidade.
Nos pasillos, ou unas consultas polo baixo, como se de algo a ocultar se tratase dise que o problema xurdiu coa xubilación de dous xinecólogos recentemente e que se agrava polo feito de que case todas as ecografías de xinecoloxía as fai o mesmo profesional co cal iso crea un efecto embudo nas citas que dependen dese tipo de proba. O CHUS, en contra do que xa fixeron o Álvaro Cunqueiro en Vigo, o Chou en Ourense ou o CHUAC da Coruña carece de consultas específicas de endometriose co cal estas mulleres que precisan revisións con máis frecuencia (produto de empeoramentos repentinos, revisións de cirurxías, revisións por cambios de tratamentos) vense abocadas a compartir os mesmos tempos de espera de mulleres sen patoloxías concretas que van facer revisións xinecolóxicas de control porque comparten os mesmos profesionais de atención e as mesmas listas de espera. As mulleres diagnositicadas con endometriose, a falta dunha consulta específica de endometriose no CHUS, non teñen nin días, nin horarios, nin profesionais específicos .
Medidas como a de que as citoloxías pasasen a facelas as matronas non están tendo os resultados esperados de desafogo desas listas de espera porque Galicia é tamén a comunidade con peor ratio matrona/Nº de pacientes..
Estas mulleres que chaman a querENDO Mulleres con endometriose están diagnosticadas dunha doenza crónica que pode afectar a múltiples órganos do seu corpo: ovarios, útero e trompas as máis frecuentes pero tamén aparato urinario, dixestivo, pulmonar ou aparecer na epiderme sobre unha cicatriz dunha antiga operación, no embigo…. Unha unidade multidicisplinar para eses casos máis severos podería tamén desafogar as listas de espera das consultas xerais de xinecoloxía pero o Sergas seguen sen dar un paso adiante na dirección de crear unha unidade multidisciplinar de endometriose como se ten feito noutras comunidades.
A asociación de Mulleres con endometriose demanda:
- Que se creen as consultas específicas de endometriose no CHUS, e no Lucus Augusti.
- Que se cree unha unidade multidisciplinar en Galicia para endometriose.
- Que se faga un plan de choque para acurtar estes tempos de espera que xogan a medio prazo en contra da eficiencia do sistema sanitario ao crear peores seguimentos e prognósticos.
