Dispárase a actividade da velutina en Carballo: 112 niños desmantelados só no mes de xullo

Avespa velutina_Fonte: EZSA

O mes de xullo foi perfecto para a propagación da avespa velutina, como evidencian os datos do servizo municipal de control de pragas. O mes pasado foron desmantelados no municipio de Carballo un total de 122 niños: 67 primarios e 55 secundarios.

Árbores, valados e todo tipo de construcións albergan a práctica totalidade dos niños, pero tamén se atoparon algún no motor dun pozo e no depósito dun gasóleo en Ardaña. Aínda así, esta zona non foi a máis masificada polas velutinas, senón que as “preferidas” das avespas foron Carballo, Bértoa e Rus, con 21, 17 e 16 niños, respectivamente, e tamén houbo gran incidencia da praga na zona costeira, con 33 niños entre as zonas de Razo e Baldaio.

O servizo municipal de control de pragas tamén intenta levar un control das persoas que sofren picaduras de avespas velutinas, que o mes pasado foron 9. Por iso chaman á precaución: antes de empezar a traballar no campo ou no monte é aconsellable inspeccionar o lugar por se existe algún niño e tamén observar se hai avespas voando pola zona, porque iso indicará que o niño está preto.

Número de teléfono para alertan dun posible niño: 112 ou 012.