A Xunta de Galicia ofrece a prezos bonificados preto de 60.000 metros cadrados de solo empresarial da súa propiedade no polígono carballés de Bértoa, repartidos en 13 parcelas e cun 50% de bonificación, o prezo oscila entre os 32,99 e os 45,97 euros o metro cadrado.
Unha vez resolto o concurso de venda de parcelas industriais nos parques que xestiona Xestur, ábrese agora a posibilidade de adxudicar de forma directa aquelas parcelas que aínda seguen dispoñibles, polo que as empresas interesadas en facerse con algunha delas poden contactar coa empresa pública.
A adxudicación directa deste solo industrial realizarase nas mesmas condicións e aplicando os prezos establecidos no concurso público convocado o pasado mes de febreiro e cuxa resolución se fixo pública a semana pasada.
As adxudicacións poderán realizarse tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie. Neste segundo caso, os adxudicatarios só pagarán un pequeno canon anual, equivalente ao 1,5% do prezo total da parcela (sen bonificación) durante os dous primeiros anos, coa posibilidade de solicitar o primeiro de carencia, repartindo o pago do canon correspondente a ese período nas cinco anualidades seguintes.
Os adxudicatarios en dereito de superficie tamén terán a opción de comprar posteriormente esas parcelas, descontando do seu prezo o 40% do pagado en concepto de canon e aplicando a bonificación vixente no momento da adxudicación, se a adquisición se realiza durante os primeiros seis anos.