Dispositivo de seguridade para acoller este sábado o primeiro autocine da Costa da Morte

1 minutes read
  • Será en Muxía e proxectarase o filme “Bohemian Rhapsody”

O Concello de Muxía xa comezou a preparar o dispositivo de seguridade para acoller esta fin de semana o primeiro autocine da Costa da Morte. Será este sábado, 14 de novembro, na zona do porto ás 20:00 horas. Unha hora antes, ás 19:00 horas, “abriranse as portas” para que os asistentes se vaian colocando e poder garantizar a correcta visibilidade de todas as persoas.

O alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch, reuníronse este martes con Policía Local e Protección civil para comezar co operativo. “A actividade”, comentan desde o goberno local, “é 100% segura, xa que cada persoa pode acudir co seu propio vehículo para visionar o filme”.

A previsión é que se cubran todas as prazas dispoñibles para esta actividade, xa que “desde o primeiro momento tivo moito éxito de convocatoria, con ducias de solicitudes desde que o anunciamos”, aseguran desde o consistorio.