A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartiu gratuitamente un total de 14.000 composteiros no marco do programa de compostaxe doméstica de Sogama, unha iniciativa que está a ter unha gran acollida como demostran as 351 entidades adheridas na actualidade.
O obxectivo do programa, que nos últimos meses recibiu un pulo importante co reparto de 2.500 novas unidades, é promover na comunidade a reciclaxe da materia orgánica xerada nos fogares, un sistema con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Para logralo, Sogama reparte gratuitamente recipientes con capacidade para 390 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil. Os destinatarios destes composteiros domésticos son fundamentalmente concellos (un total de 199 en toda Galicia), ademais de centros educativos (130) e colectivos sociais (22), entre os que se busca promover grazas a esta iniciativa a reciclaxe da materia orgánica en orixe.
Son os propios entes locais os que, no marco dun acordo con Sogama, encárganse de seleccionar ás familias que, voluntariamente, desexan participar no proxecto. O requisito imprescindible é que estas habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa á terra en forma de abono.