- O xogo foi roubado hai algo menos dun mes e o Concello de Carballo xa tiña encargado outro para substituílo
Nos vindeiros días agárdase a chegada da nova carriola adaptada que substituirá á que foi roubada fai algo menos dun mes no Parque Rego da Balsa. O Concello de Carballo xa a tiña encargada, pero a empresa concesionaria do servizo de mantemento dos xardíns municipais vén de anunciar a súa intención de facerse cargo do custe do xogo.
Dixardín, un centro especial de emprego que ten un 80% de traballadores con algún tipo de discapacidade, quere amosar deste xeito o seu compromiso social. O obxectivo de Dixardín é a plena integración socio-laboral de persoas con discapacidade, ofrecéndolles aos seus traballadores/as a posibilidade de incorporarse a un mercado laboral normalizado á vez que garanten os seus dereitos, autonomía persoal e estabilidade económica.
Dixardín, unha das 11 iniciativas empresariais de economía social impulsadas dende Cogami, comparte do Concello de Carballo a necesidade de adaptar os espazos infantís ás diferentes necesidades dos nenos e nenas e a fomentar o xogo como peza fundamental no seu desenvolvemento. Dentro desa filosofía enmárcanse, por exemplo, a construción da cuberta do Parque do Anllóns, que permite optimizar o uso dese espazo de xogos, ou a instalación, da primeira randeeira adaptada no Parque Rego da Balsa.